Friday 19 de April de 2024

Boqueixón convoca axudas ás familias para sufragar en parte os custes do nacemento e/ou acollida/adopción de nenos/as


Manuel Fernández Munín explica que “ademais de axudar ás familias, esta convocatoria busca apoiar ao comercio local, polo que o gasto terá que facerse en empresas radicadas en Boqueixón”

O Concello de Boqueixón vén de convocar axudas ás familias para sufragar parcialmente os custes derivados do nacemento e/ou acollemento ou adopción de nenos e nenas empadroados no municipio. Unha iniciativa á que o Concello de Boqueixón destina 8.000 euros.

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, explica que “ademais de axudar economicamente ás familias, esta convocatoria busca apoiar ao noso comercio local, polo que o gasto terá que facerse en empresas radicadas en Boqueixón”.

Importe das axudas

As axudas outorgaranse con independencia da renda familiar. O Concello de Boqueixón outorgará unha axuda por nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021 por un importe individual de 200 euros. No caso de partos múltiples, aumentarase a axuda en 100 euros. Así mesmo, a axuda acadará os 300 euros no caso de acreditar unha discapacidade do/a neno/a dun 33% ou superior.

Para poder solicitar as axudas é preciso que a familia estea empadroada en Boqueixón (incluído o menor recén nacido) no momento de presentar a solicitude e comprometerse a seguir empadroada un mínimo de 3 anos. Así mesmo, será necesario non ter pendente de xustificar subvencións outorgadas polo Concello nin estar en ningún dos supostos de prohibición para a percepción de subvencións que establece a Lei.

Os cartos deberán ser gastados en beneficio do neno/a: cueiros, lácteos e alimentos infantís, roupa, calzado, enxoval, produtos de hixiene infantil, medicamentos ou calquera outro tipo de produtos receitados polo facultativo de pediatría. Uns produtos que deberán ser adquiridos en establecementos comerciais emprazados no municipio de Boqueixón.

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica municipal (https://sede.boqueixon.com). Así mesmo, poderanse presentar solicitudes de forma presencial no Rexistro Xeral do Concello de Boqueixón. O Concello de Boqueixón establece dous prazos de presentación de solicitudes:
– Para as persoas nadas entre o 1 de xaneiro de 2021 e a data de publicación destas bases, o prazo será de 15 días naturais a partir do día seguinte da publicación no BOP. O prazo de xustificación rematará o 15 de decembro de 2021 e admitiranse facturas dende o nacemento do neno/a ata o 15 de decembro de 2021.
– Para as persoas nadas entre o día seguinte á publicación no BOP e o 31 de decembro, o prazo de solicitude será de 15 días naturais a partir do día seguinte ao nacemento. O prazo para xustificar os gastos estará aberto ata o 20 de xaneiro de 2022 e admitiranse facturas dende o nacemento do neno/a ata o 20 de xaneiro de 2022.